Buscar

Presentación do proxecto Aldealix

Comparte esta noticia

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural lanza o proxecto Aldealix para impulsar a creación de comunidades enerxéticas baseadas en biomasa forestal en aldeas de Galicia e o Norte de Portugal

  • A xornada de presentación celébrase o mércores, 13 de decembro, ás 11.00 horas, no Centro Cultural de Cerdedo-Cotobade.
  • O proxecto europeo enmárcase na aposta da Axencia Galega deDesenvolvemento Rural de impulsar comunidades enerxéticas baseadas enbiomasa no territorio rural da Eurorrexión.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023– O vindeiro mércores, 13 de decembro, ás 11.00 horas, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural celebrará a xornada de lanzamento do Proxecto Aldealix no Centro Cultural de Cerdedo-Cotobade.

O proxecto Aldealix, apoiado polo Programa Interreg VI A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, marca un fito ao revalorizar e potenciar o uso de recursos forestais con fins enerxéticos mediante a implementación de comunidades baseadas en enerxías renovables e biomasa forestal en aldeas de Galicia e o Norte de Portugal.

O obxectivo do proxecto é crear comunidades enerxéticas como resposta práctica para xerar enerxía de maneira local e alcanzar a autosuficiencia. Esta iniciativa baséase no aproveitamento da biomasa local, con solucións integrais para cubrir as necesidades térmicas de fogares e edificios públicos a través de pequenas redes de calor.

Como parte da execución do proxecto, levaránse a cabo catro proxectos piloto. En Galicia, estes desenvolveránse na Aldea Infesta, Concello de Monterrei, e no núcleo de Cerdedo, no Concello de Cerdedo-Cotobade. Doutra banda, no Norte de Portugal, os proxectos piloto levaránse a cabo na Aldeia de Graçao no Municipio de Arcos de Valdevez e na Aldeia de Trêsminas, no Municipio de Vila Pouca de Aguiar. Estes pilotos servirán como experimentos prácticos para perfeccionar e adaptar a solución enerxética ás características específicas de cada rexión.

Co proxecto Aldealix búscase implementar comunidades enerxéticas baseadas en enerxías renovables, especialmente biomasa forestal. Isto contribuirá significativamente á diminución do risco de incendios, a loita contra o despoboamento e ao impulso da transición ecolóxica e enerxética verde, así como á adaptación ao cambio climático.


A xornada de lanzamento contará coa participación de persoas expertas en comunidades enerxéticas rurais, compartindo experiencias e modelos de gobernanza. Ademais, estarán os representantes das entidades involucradas no proxecto, entre outras, a Axencia Galega da Industria Forestal, Concello de Monterrei, Concello de Cercedo-Cotobade, Município de Arcos de Valdevez, Município de Vila Pouca de Aguiar, Comunidade intermunicipal de Alto Tâmega e Barroso y EnergyLab.


A xornada está aberta ao público, quen desexe asistir poden inscribirse previamente a través desta ligazón.